Arquitectos e peóns, escritores e xornalistas

Rousseau escribiu nunha carta a un dos seus amigos de Xenebra: “Velaí estades, señores, convertidos en autores de periódicos. Eu declárovos que o voso proxecto non merece o que vós; teño a mágoa de ver homes feitos para levantar monumentos contentarse con levar materiais e arquitectos facerse peóns. Que é un libro periódico? Unha obra efémera, sen mérito e sen utilidade”. Rousseau, fillo do século XVIII, expresaba nestes termos o seu fondo desprezo pola prensa, en realidade, patrimonio común dos ilustrados franceses e que estes deixaron en herdanza ós intelectuais e escritores que, a partir de aquela e, sobre todo, dende finais do século XIX, se asomaron ás páxinas dos xornais.

Sendo estudante na Barcelona de principios do século XX, Josep Pla publicou os seus primeiros textos na prensa. Ó que parece, gustaron tanto ós asiduos do Ateneo que lle lanzaron unha pregunta, case unha proposición indecente: “Por que non se dedica vostede ó periodismo…? De xeito provisional, dende logo…”. A apostila dío todo: o xornalismo só podía ser unha ocupación interina, pasaxeira e sempre que fora empregada como trampolín para unha carreira respectable e seria, a literaria. Unha vez acadado un nome, unha firma, o máis razoable era desertar das galeras do xornalismo. Esa foi, máis ou menos, a recomendación que Azorín fixo a Corpus Barga en 1937: “Vostede ten frescura escribindo e trazos orixinais. Como que é unha pena que non escriba outra cousa a máis de xornalismo!”. Pola súa parte, Manuel Azaña doeuse de que Pérez de Ayala non vivira consagrado á escritura de novelas: “Ese periodismo, ese periodismo literario. Por qué ten que absorber ós que serven para cousas mellores!”.

Os escritores alugaron as súas plumas ó periódico persuadidos de estar desbaratando o talento do arquitecto nun traballo para o que abondaba a cualificación dun peón, coa convicción de que ese traballo menor consumía o tempo e distraía as forzas que precisaban para levantar monumentos ou, dito doutro xeito, para o cultivo de disciplinas e xéneros de suposto maior alento e enxunlla e, dende logo, maior prestixio. Dicíanllo os outros e así o crían eles mesmos.

Agustín Calvet, Gaziel, anotou ó repasar a súa vida profesional: “Eu coido que nacín sendo escritor. Se a sorte me fora propicia penso que podería ter escrito obras importantes, quizais algunha gran obra –novela, ensaio, teatro, historia”. Estaba convencido de compartir o destino do seu mestre Miquel de los Santos Oliver: unha sorte de inapelable fatum obrigara ós dous a mutilarse a si mesmos, impoñéndolles a renuncia á literatura e forzándoos a resignarse ó xornalismo. Non hai dúbida de que Gaziel tamén falaba de si mesmo cando, referíndose a Oliver, afirmou ter a máis firme convicción de que había unha “perda irreparable” no feito de que aprazara primeiro e ó cabo deixara sen cumprir a súa vocación como crítico literario e historiador, por facer a crónica do último discurso de Maura ou do escándalo parlamentario do momento.

Clemente Cimorra, xornalista exiliado en 1939, reparou no vencello de amor e odio existente entre os escritores e o periodismo: “Os mesmos que o deostaban non desdeñaron, chegada a ocasión, colaborar na prensa”. Á pregunta de por qué serviron ó xornalismo se entendían que demandaba un traballo tan esixente e esterilizador contestaron todos con case idéntica fórmula: o periodismo era, segundo Gaziel, a “literatura que dá para vivir”, “o calvario destinado ós intelectuais pobres da pobre España”. Unamuno tentou xustificar a súa intensa presenza nos xornais con aquilo de que “aínda que eu e os meus fillos non xantamos do que a pluma me produce, ceamos diso”. Pódese reprobar o mal gusto do sentimentalismo que supón incluír unha alusión á súa prole, pero iso non debe esborrallar a verdade que agochaba a afirmación.


Pola súa parte, Wenceslao Fernández Flórez lembrou: “Aparecín no xornalismo tan á forza como un confeiteiro desempregado pode aceptar traballo nun forno de pan”. Advírtase que, nunha metáfora semellante á dos arquitectos e os peóns de Rousseau, o confeiteiro múdase en panadeiro. O motivo que dá o coruñés para esa conversión, xa coñecido e que soa a ladaíña ben aprendida, é que aspirando a converterse en escritor “nos periódicos gáñase, pouco ou moito, algúns cartos dende os primeiros días”. Mesmo un xornalista tan alleo a veleidades literarias como Julio Camba, ó evocar os inicios da súa carreira, afirmou: “Custábame escribir. Facíao forzado pola necesidade, sen ningunha satisfacción, para que o periódico non me cortara os medios de subsistir”. Tense subliñado que con estas palabras Camba desacralizaba o tópico da vocación literaria, cando, en realidade, contribúe a consagrar o tópico da involuntariedade da dedicación periodística. De facer caso a estas declaracións, semellaría que ninguén quería ser xornalista no primeiro terzo do século XX, xusto cando a prensa española viviu a súa Idade de Ouro grazas á prosa de tantos colaboradores que se instalaron en aluvión nas súas páxinas e ó traballo dun grupo non máis cativo de xornalistas que teimaron en modernizar e dignificar a profesión.

Poucos de todos eles estiveron dispostos a admitir publicamente que a prensa lles proporcionaba moito máis que certa solvencia económica. José María de Salaverría si e, en 1927, recordaba que o periodismo “outorga tamén ó contado o éxito”. Poderían non dicilo en voz alta, pero sabían que o recoñecemento público obtido polo seu nome literario debíase, antes que á súa obra publicada en libro, ó feito de frecuentar as páxinas dos xornais. Ademais, un falso pudor fixo que tamén foran raros os casos dos que confesaron que chegaron á “praciña intelectual” que era, segundo Ortega y Gasset, o periodismo, seducidos pola posibilidade de influír na sociedade, sobre todo nunha época, o primeiro terzo do século XX, no que aínda estaba intacta a fe no poder transformador da palabra.

Os escritores temeron –e temen– chamarse periodistas, non vaia ser que os confundan co "repórter, unha especie de axente iletrado que carrexa noticias”, como caracterizaba Chaves Nogales a unha figura que daba por desaparecida dende os comezos do século XX, seguramente nun intento de ennobrecer a súa propia traxectoria e profesión. Obsesionados pola inconsistencia do soporte no que escribían, tamén estaban preocupados por non seren considerados máis que escritores de circunstancias, encadeados ó comentario efémero e perecedoiro do cotián.

Aqueles primeiros profesionais da escritura deixaron en herdanza todos estes proídos a aqueles que hoxe estampan a súa firma nos periódicos. Non debeu de gañar o xornalismo tanta consideración social como profesión e aínda menos prestixio como xénero, cando hogano segue sendo moeda común que adoiten a reivindicarse antes como escritores que como xornalistas. Participan do prexuízo, de raizame ilustrada, de que o periodismo é un xénero menor. E é difícil calcular canto hai de mesquindade naqueles que din entregar un esforzo menor ó xornalismo, que lles da un salario, unha firma e mesmo certa sensación de proximidade ó poder, ou canto de arrogancia e soberbia nos que se cren, aínda que xamais o confesen francamente, arquitectos metidos a peóns.

Lecer, Galicia Hoxe, 11 de novembro de 2007.

0 comentarios: