Isaac Díaz Pardo



“Atrapados coma estamos entre o aire e a terra non podemos facernos moitas ilusións. Todos os premios e castigos que nos poidan dar non van pasar de aquí. Mais vivir sen un compromiso co futuro me parece enfastiado […]. Para seguir vivindo, aínda que sexa con mentiras, precisamos adobiar os soños”.
Isaac Díaz Pardo

En 1965, baixo o selo da editorial Ruedo ibérico, Luís Seone e Isaac Díaz Pardo, amparados polos pseudónimos Maximino Brocos e Santiago Fernández, publicaron o libro Galicia hoy. Aquela obra pretendía “loitar contra a desmemorización que se impuxera para ocultar o sacrificio dos pobos españois, sobre todo o de Galicia, que nos presentaba ante o mundo como un pobo sometido e pregado voluntariamente aos designios da tiranía” e quería significar que “Galicia non era indiferente ao que había trinta anos viña acontecendo en España e que na nosa historia había raíces de rebeldía e contábamos con santos, heroes e mártires pola liberdade, moitos deles contemporáneos nosos”. Isaac Díaz Pardo explicou con estas palabras os propósitos que animaran a concepción daquela obra cando, algo máis de dúas décadas despois, publicou en Ediciós do Castro un novo libro co mesmo título daquel.

No Galicia hoy de 1987, Díaz Pardo clamaba contra “os baleiros de memoria da nosa historia recente” e advertía de que “o inexistente xuízo global e crítico sobre o mundo que nos deixou a ditadura cunha desmemorización interesada” determinaban a nosa incapacidade para cambiar o presente e construír un futuro mellor, burlando os proxectos dos poderes retardarios, daqueles que “fan negocio á conta de Galicia e os que nos tenden trampas no camiño para trabucarnos e facernos caer en pozos de insolidariedade”. O libro estaba dedicado “aos poetas do meu tempo, aos que padeceron a historia por amar a xustiza, a liberdade e a solidariedade dos homes; aos que tiveron que vivir no exilio polas súas ideas e nos deixaron ese exemplo de lealdade; tamén aos que loitan porque Galicia, e o resto do mundo, sexa mellor e máis xusta” e a reivindicación da súa memoria quedaba mesturada coa vigorosa protesta “contra toda xerarquía, privilexio académico e preeminencia social, contra toda inxustiza e contra todo engano, estupidez e disfrace que teñamos que aturar naqueles que teñen poder”. Na tensión fulxente da memoria e mailo desexo, Isaac Díaz Pardo fraguou a súas obras, as súas empresas e a súa vida, coa descomunal enerxía dun xigante.

Que a súa memoria viva para sempre en nós, que o seu exemplo alente e alimente o noso compromiso co futuro. Que, coma el mesmo escribiu a propósito de Castelao, ninguén tente distraer o significado do seu prestixio, que os manipuladores e falsificadores non traten de agochar o seu exemplo desmitificador de toda solemnidade e o seu amor polas causas xustas do seu pobo. Que así sexa.

0 comentarios: